Colamos información de Martiño Picallo (Luscofusco) que nos fai chegar xunto coa súa vectorización desta coñecida obra de Camilo Díaz Baliño:
Achego aquí un novo cartel, esta vez o realizado polo xenial Camilo Díaz Baliño no 1936 para o Estatuto de Autonomía de Galiza e conmemorar, así, o aniversario do mesmo.
Neste caso, debido ao mal que estaban as fotografías que puiden conseguir do mesmo, optei por vectorizalo e analizar as tintas empregadas no seu momento (azul e negro, sobre fondo branco).
Entre os carteis que promocionaron a votación/aprobación do Estatuto do 36, Camilo opta por simplificar o concepto e ser un dos que expón unha mensaxe máis directa:
- Muller,
- Estrela na fronte,
- Escudo de Galiza como vestido,
- Rama de oliveira (simbolizando a vitoria) e
- Roda dentada (que representa o progreso e industrialización)
En canto á tipografía opta por dúas: unha para “ESTATUTO DE AUTONOMIA” e outra para o “SI”, ambas as dúas en negro. A primeira de tipo moderno (algo do que gostaba o propio artista) e a segunda tipo helvetica.

Tamén nos ofrece Martiño a versión en vector nun PDF.